O mapa e a xustiza

Metafísica-9

Eu cría que na boca daquela muller
soamente habitaba o silencio.
As palabras nunca atoparon mellor
escondedoiro que no zume fermentado
encol da súa lingua. Eu pensaba que
aquel músculo espallaba por todas
as direccións do seu interior palabras
que compoñían un discurso invisible.

Non sabía que diversas falas artellaban
nela unha arquitectura do pensamento
ceibe de fronteiras. Eu non sabía do
seu saber ata que de súpeto derramou
sobre min o mapa dunha cidade propia
e ubicua por esixencias do contexto.

A realidade detonou os lampos
sedutores da súa linguaxe.

Ela, engaiolada pola maxia do
que non quere ser dito, descouseu
a súa boca pensando nas bocas
ocultadas, desterradas,
tapiadas.

Tras a descuberta adentrámonos
man a man na cartografía da xustiza
e ataviámonos con flores na cabeza,
como raíñas. Agora acollemos neste
lugar todas as capas de inocencia
que desbotan os nenos dos armarios
cando medran.

Deja un comentario